Artículos sobre H.G. Wells
A guerra dos mundos
por Mª Teresa Caneda Cabreras
Esta novela presenta o relato da invasión duns marcianos que aterran no sur de Inglaterra e describe as consecuencias desta destructiva invasión. Pero a obra é máis que isto, xa que pode ser lida coma unha crítica, por parte de Wells, da vaidade que caracteriza ó noso mundo tan satisfeito de si mesmo.
Para o crítico Bernard Bergonzi, a obra expresaría por un lado un sentimento de culpa ante o imperialismo británico e o cruel colonialismo, á vez que dramatizaría o medo da sociedade inglesa ante o perigo dunha invasión estranxeira. Neste senso, A guerra dos mundos continuaría a liña doutras obras de autores anteriores nas que se describían guerras imaxinarias e futuras invasións, case sempre de franceses ou alemáns. A novela de Wells encarnaría deste xeito un mito moi representativo do sentir da fin de século.
Para Rosslyn Haynes, o autor foi un profeta e un grande innovador, non só polas súas prediccións sobre o futuro, senón pola súa forma de pensar sobre el. A súa actitude faino destacar fronte ó determinismo dos novelistas do século xix porque proporciona, agora coma no seu momento, unha nova perspectiva na que asentar a visión dos seres humanos e as relacións persoais e sociais.
A guerra dos mundos proporcionou no seu momento a primeira descrición detallada de maquinaria bélica e o seu impacto na sociedade urbana. Wells anticipouse ó que chegarían a ser as crónicas peiodísticas da primeira guerra mundial. Moi probablemente o seu relato dos refuxiados abandonando Londres a punto de ser ocupado, puido parecer unha fantasía incrible para os seus habitantes na época victoriana, pero é desafortunadamente un feito que se repite e se difunde por todas as televisións desde moitos lugares do mundo hoxe en día. A aparición desta edición galega da novela na veterana colección "Xabarín" de Xerais coincide, felizmente, co centenario da súa primeira edición. Hoxe como daquela, Marte segue a ser un misterio a desentrañar para científicos e unha fonte de inspiración para creadores de ficción. O achado de importantes indicios científicos que sinalan a posibilidade de vida nese planeta e máis recentemente as primeiras imaxes enviadas pola nave espacial Pathfinder, transmitindo en directo desde Marte, marcarán sen dúbida a nosa entrada no ano 2000. A mensaxe de humildade e autocrítica de Wells segue en vixencia hoxe como entón: coa mirada posta na maxia do universo non deberiamos nunca de esquecer a realidade do planeta no que habitamos.
Copyright © 1997-1998, Edicións XERAIS de Galicia, S.A.
Doutor Marañón, 12. 36211 Vigo (ES) - Tfno. +34 (9)86 214888/214880.
Reservados tódolos dereitos.Texto extraído de: http://www.xerais.es/html/online/n032/031.html
Otros artículos: [Next] [1] [2] [3] [4] [5]
Página creada y actualizada por grupo "mmm".
Para cualquier cambio, sugerencia, etc. contactar con: fores@uv.es
© a.r.e.a./Dr.Vicente Forés López
Universitat de València Press
Página creada: 12/12/00 actualizada: 23/01/01